O Camiño dos Arrieiros, tamén denominado Camiño Grande ou Camiño Vello, é unha vía de comunicación que funcionou secularmente como eixo vertebrador entre as bisbarras do Eume e Ortegal.

As súas orixes remóntanse á Antigüidade xa que ao longo dos seus case 50 quilómetros transcorre entre túmulos prehistóricos en todo o seu percorrido, e varios asentamentos da Idade do Ferro, de época romana, tardo romana e medieval.

Das investigacións arqueolóxicas realizadas ate o momento nalgunhas necrópoles tumulares, derívanse as hipóteses de que aínda que non se pode afirmar que o Camiño dos Arrieiros se corresponda cun camiño prehistórico, de adscrición neolítica nas súas orixes, sí pode constatarse que existe unha estreita relación entre os túmulos e a vía de comunicación, funcionando como unha arteria comunicante da bisbarra do interior (Eume) hacia a da costa (Ortegal).

En calquera caso o Camiño dos Arrieiros, é un ben cultural de indubidable valor e como tal require dunha intervención de posta en valor que asegure a súa protección, tanto de xeito individual, como en relación aos elementos do patrimonio cultural (materiais e inmateriais) e do patrimonio natural, existentes ao longo desta vía.