9.1 Estado de conservación

Durante a fase de realización do traballo de campo para a documentación dos elementos patrimoniais presentes ao longo do Camiño dos Arrieiros, puidose comprobar que a traza actual do Camiño naqueles lugares que é visible, atópase nunha situación de abandono.

As actuacións arqueolóxicas iniciadas a comezos do século XXI, ficaron en escavacións arqueolóxicas moi concretas, sobre algunha das necrópoles próximas ao vial.

Asemade as indicacións recollidas no Plan Estratéxico elaborado polo arqueólogo Carlos Otero Vilariño no ano 2003 (CSIC – Instituto Padre Sarmiento), non foron tidas en conta por ningunha das administracións locais.

No referido á protección legal do vial, a día de hoxe só os túmulos que se encontran catalogados, contan cunha figura de protección, que na maioría dos casos é reiteradamente incumprida e non se establecen medidas de control e vixiancia que a fagan efectiva, polo que moitos elementos están a sufrir deterioro e danos continuados por labouras de aproveitamento forestal, peches de fincas e construción de viais.

9.2 Medidas encamiñadas á consolidación e posta en valor do camiño

Partindo deste proxecto de documentación, pódense artellar unha serie de proxectos que conduzan á protección efectiva do vial, tendo en conta como xa se sinalou no apartado 5.2 que o máis acaído para este caso que nos ocupa, sería a redacción dun Plan de Posta en Valor do Camiño dos Arrieiros ao seu paso polos concellos de Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez, así como a creación dun ente ou consorcio, integrado polas entidades do territorio, públicas e privadas, que aseguren a execución do plan e o mantemento do camiño ao longo do tempo.

Este plan de posta en valor debería recoller alomenos as seguintes medidas:
a / Estudo da traza do camiño.
b / Escavación arqueolóxica dalgún dos treitos do camiño, co fin de identificar e documentar a súa estrutura construtiva.
c / Programa de sensibilización e información aos propietarios, que transmita a importancia de conservación do ben, as cuestións relativas á súa protección legal e os mecanismos que a administración pon a disposición da cidadanía para facer efectiva a súa protección.
d / Programa de sinalización, que consolide a ruta alomenos dende o Porto de Bares ata a vila de As Pontes, presentando a información relativa ás áreas de interese presentes ao longo do camiño, atendendo a estándares de interpretación patrimonial e educación cultural.
e / Programa de mantemento a medio e longo prazo, que conxugue os intereses da veciñanza coa conservación do camiño, establecendo as medidas necesarias para un axeitado uso e disfrute do vial e dos xácigos adxacentes.
f / Programa de divulgación dos valores culturais e naturais do camiño, mediante todo tipo de soportes e formatos: páxina web, folletos, publicacións en papel e dixitais, audioguías e guías de man, puntos de información, centro de interpretación físico e virtual, audiovisuais.

9.3 Conclusión

Malia todo o anteriormente sinalado, o máis importante de cara á posta en valor do Camiño dos Arrieiros, é que sexa a comunidade dos concellos polos que pasa o vial, a que se implique na súa recuperación e que sexa a propia sociedade civil a que exerza o control efectivo sobor das administracións para ver dunha vez por todas o noso patrimonio cultural dignificado, valorado e respectado.