CAMIÑO DOS ARRIEIROS
O Camiño dos Arrieiros, tamén denominado Camiño das Antiguas, Camiño Grande ou Camiño Vello, é unha vía de comunicación que funcionou secularmente como eixo vertebrador entre as bisbarras do Eume e Ortegal.
As súas orixes remóntanse á Antigüidade xa que ao longo dos seus case 50 quilómetros transcorre entre túmulos prehistóricos en todo o seu percorrido, e varios asentamentos da Idade do Ferro, de época romana, tardo romana e medieval.
En calquera caso o Camiño dos Arrieiros, é un ben cultural de indubidable valor e, como tal, require dunha intervención de posta en valor que asegure a súa protección, tanto de xeito individual, como en relación aos elementos do patrimonio cultural (materiais e inmateriais) e do patrimonio natural, existentes ao longo desta vía.
Con este obxectivo a Asociación Seitura22 convocou ás diferentes entidades do Territorio co obxectivo de impulsar a posta en valor deste recurso, contando desde o principio coa implicación de diferentes entidades como a Asociación de Montes en man común de Loiba, Asociación de veciños e veciñas de Couzadoiro, Asociación comunidade de montes
Grañas do Sor, Asociación de veciños de Loiba, Asociación Terras do Ortegal, Asociación Nordés, Asociación Euroeume, Clube de montaña Monte Caxado e demais entidades e persoas que se foron sumando ao longo do proceso, contando ademais coa implicación dos concellos das Pontes, Ortigueira e Mañón.
Desde un pricipio plantexouse unha metodoloxía de traballo participativa coa fin de que o conxunto do Territorio participase no proceso.
A primeira necesidade detectada pola Mesa de Traballo foi a necesidade de catalogar toda a información que existise do Camiño, co obxecto de que esta información servise para a posterior estratexia de posta en valor do mesmo.
Este labor foi encomendado á empresa Cultureume,S.C, empresa que realizou un excelente traballo de investigación, que pasa agora a estar a disposición da veciñanza, visitantes, administracións e investigadores, co obxecto de que poida ser desfrutado polo conxunto da sociedade e anime a proseguir co traballo de investigación e posta en valor deste importante recurso.
Relación dos rexistros que integran a Base de Datos Documental
sobre o Camiño dos Arrieiros